Acerca de
Xisco Feijoó presenta Peixe en directo en Vigo,
Pontevedra e no Intercéltico do Morrazo.
Vigo, 23 de xullo de 2021.- O cantante e bailador Xisco Feijoó presentará a semana que vén en directo, en Galicia, o seu primeiro traballo discográfico, Peixe. Serán tres as citas nas que se poida gozar, ao vivo, dun álbum e espectáculo que achega unha visión contemporánea sobre a música de creación colectiva. Vigo, as Festas da Peregrina de Pontevedra e o Festival Intercéltico de Moaña serán as tres primeiras paradas desta xira, que augura alegría, orgullo e contemporaneidade.
Con Peixe, Xisco Feijoó pretende achegar, desde a súa óptica particular, unha visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega. O disco, composto por dez temas, pon en valor o papel da cantiga tradicional, da que o artista salienta a súa identidade e significado propio, e sobre as que que fía un relato de historias con tintes autobiográficos e conectadas por un eixo común: a diversidade humana.
“Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querencias e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles”, sinala Xisco Feijoó.
O primeiro concerto terá lugar en Vigo o próximo luns, 26 de xullo. A cita será na parroquia de Beade, na Igrexa de San Estevo, e comezará ás 21.00 horas. A segunda cita da semana que vén será no Morrazo: Xisco Feijoó actuará o 31 de xullo, ás 22.30 horas, no XXXVII Festival Intercéltico do Morrazo, en Moaña. Finalmente, o vindeiro 9 de agosto, o cantante e bailador actuará na Praza da Ferrería (22.00 horas), en Pontevedra, no marco dunha nova edición das Festas da Peregrina.